BRINCADELIA

Brinkadelia

SKA / REGGAE / CUMIA / LATIN / FUNK / ROCK / BALKAN

Desde terras galegas e para toda a galaxia: Unha nova explosión de son e enerxia positiva, unha reacción en cadea que ameaza con sacudir a mecánica dos vosos corpos cun forte ¡BOOM! de ritmo triturador e boas vibracións. Brinkadelia fan ska, reggae, cumbia, latin, funk, rock, balkan e cachapán.

Dunha estirpe de músicos das terras bravas da Límia, chega o señor Brinkas presentando este proxecto. Despois dunha traxectoria de vinte anosrepartindo boa música polo mundo adiante, toca recoller esas experiencia se transmitilas neste novo formato que recopila os ritmos e sonoridades que foron marcando o seu percorrido musical.

Un dos fundadores dos Festicultores, dos que estivo á fronte durante case dez anos, ten no seu haber colaboracións con artistas da talla de Manu Chao, un dos grandes pioneiros da worldmusic, o músico portugués Daniel Lança ou o director de cine e músico Emir Kusturica, que o convidou a unirse nalgúns dos seus concertos da súa xira europea.

Tras o seu paso polos Festicultores continuou con unha das suas grandes paixóns: a música de rúa. E foi deste xeito como, na cidade de Santiago de Compostela, acabou por unirse a Son da Rua e as Ovellas Neghras, grupo multicultural e multinacional formado por músicos de Cuba, Venezuela, Galicia e Canarias, onde coincidiría con dous dos músicos que agora o acompañan neste novo proxecto que nace para dalo todo en cada escenario.

O señor Brinkas está acompañado nesta singladura por un nutrido grupo de grandes coñecidos da escena musical galega: Ó mando da máquina do ritmo triturador está o seu vello compañeiro nos festicultores, Gus Agasi, batería coñecido tamén polos seus traballos con Sacha na Horta ou os mencionados Festicultores. Remachando ese ritmo está, no baixo, Pepe Noya, coñecido de formacións como Bocinazo Rural Band ou a Charanga Mekánika, charanga número un de Galicia durante varios anos consecutivos.

No teclado e no keytar conta co bo facer de Aitor García, profesor na Casa do Rock de Compostela; teclista e baterista, deixou mostras do seu arte en proxectos como Som Do Ghalpón, La Maldita, ou a mencionada Charanga Mekánika.

Nesa misma charanga milita tamén o guitarrista Jose Hermo, compañeiro do señor Brinkas dende que xuntos conformaron Son Da Rua e as Ovellas Neghras no ano 2013, formación que podería considerarse auténtico xérmolo desta troupe coa que novamente comparten música e escenario.

Máis esta potente sección de ritmo non podería estar completa sen unha potente sección de vento. Comandada por Ginés Guerra, recoñecido multinstrumentista canario vinculado especialmente ó trombón de varas, e que é coñecido

polo seu traballo de anos en grupos de salsa como Salsomania, os tours europeos dos Grammy latino do cantante portorriqueño Tito Nieves e do cantante e compositor estadounidense Maelo Ruiz, Big Bands, orquestas da verbena galega, e mesmo no grupo hiphop e funk pontevedrés Conjuro Chamán.

Xunto a Ginés sona o saxo de Gilbert Eiche, saxofonista de ascendencia alemana pero que é tal vez un dos máis coñecidos nestes lares, tanto polas suas colaboracións con innumerables músicos de Galicia como polos seus traballos como enxeñeiro de son. E para rematar esta potente sección Iago Sayáns pon a súa trompeta a disposición do ritmo triturador de Brinkadelia Troupe, como o ten feito antes para Sacha na Horta ou os Festicultores, entre moitos outros.