TRADICIONAL

CALDO son María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz +pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra), que presentan unha proposta de melodías tradicionais galegas integradas en novos contextos sonoros, xunto a pezas propias tinguidas das músicas europeas e atlánticas.

Creado con agarimo, CALDO resulta un prato musical delicioso, no que os ingredientes viven unha fusión natural que vai directa ao sentir do público. Neste proxecto apostan pola composición de temas propios así como pola revisión do repertorio tradicional galego, poñendo o foco na aldea de Moscoso (Pontevedra). Para isto, contaron co material das informantes Rosa e Aída Garrido, recollido polo mestre Xisco Feijóo.

No seu primeiro disco, formado por temas orixinais, CALDO emprega as pezas do repertorio de Moscoso como fío condutor do álbum. Este disco foi gravado en directo, para manter a esencia e a enerxía que desprenden nos seus concertos.