3.TRIO

Choro Alegre

MÚSICA BRASILEIRA

Grazas ás sorpresas do mundo, tres grandes músicos, dous brasileiros, Sérgio Tannus e Mauricio Caruso, e unha galega, Lucía Cortiñas, encontráronse en Galicia e uniron os seus talentos para iniciar un proxecto de rescate dun apaixonante e desafiador xénero musical brasileiro, o Choro, nun concerto aberto á complicidade, musicalidade, alegría e contemplación.

O proxecto “Choro alegre” ofrece pezas basicamente instrumentais, clásicas e autorais, pero tamén inclúe colaboracións de artistas locais e temas cantados que propoñen achegarse máis ao público nos concertos ao vivo.

Para quen asocia o Brasil con batucada, samba ou bossa-nova, este proxecto descobre no Choro unha música co rigor formal do clásico, a riqueza harmónica do jazz e o “gingado” ou swing brasileiro. Unha música antiga, sofisticada, que, a través de arranxos propios, neste proxecto encontra unha estética contemporánea e encantadora nacida da fusión dos acentos entre Brasil e Galicia.