Espiño

Espiño

POP / ROCK

Espiño é novo proxecto musical de Alfonso Espiño (Contrastes, Mega Purple Sex, Toy Kit, Los Chavales), compostelán de 1976 ligado ao mundo da música dende hai máis de vintecinco anos. Alfonso afronta esta nova etapa abondando no eido do pop de corte psicodélico, adubiado con certas pingas de rock progresivo e un chisco de folk-rock. O músico santiagués amosará a súa faceta máis imaxinativa, apostando pola produción propia e o idioma galego.

A súa banda, creada en outubro de 2016, está formada por Alfonso Espiño a baixo e voz principal, Brais Sánchez ás guitarras e coros, Alexandro González aos teclados e coros e Curro Marcos á batería. A pesares do pouco tempo transcurrido dende o inicio do grupo, Espiño alzouse co primeiro premio do II Certame Galicia Creativa, convocado pola Fundación Autor a finais do pasado ano, na categoría pop/rock. Dito premio permitiu á formación gravar un primeiro disco, I, que se presentou o pasado 1 de xuño. O álbum, producido por Alfonso Espiño e Gerardo Amigo, está composto por seis cancións escritas e arranxadas polo propio Espiño, e conta coas colaboracións de Álvaro Crego ás trompetas e trompas e Quim Fariña ós violíns. O primeiro día do verán e case sen permitirse un respiro, Espiño lanzou o single dixital Flores, tambores e ilusións, que xa forma parte da banda sonora desta época estival.

https://espinho.bandcamp.com/