100_9231

Mega Purple Sex Toy Kit

ROCK PSICODÉLICO

Mega Purple Sex Toy Kit fórmase en 2003 a partires das cinsas de varios grupos galegos de influencia sesenteira. Emilio Prieto (batería), Marcos Santomé (baixo), Uxío Solla (guitarra), Fernando Vilaboy (Hammond) e Alfonso Espiño (voz), enseguida revolucionaron o panorama mod e psiquedélico estatal co seu aplastante directo, a súa imaxe impactante e as súas cancións enérxicas e directas, inspiradas nos primeiros Deep Purple, Pink Floyd ou Black Sabbath. Comezaron a xirar por Galicia e España, acudindo ós festivais máis senlleiros do movemento sixties, coma o Wet Dream (Valladolid, 2004), Euroyeyé (Xixón, 2005, compartindo cartel con The Yardbirds), Shake & Vibrate (Ourense, 2005) ou Purple Weekend, (León, 2005, compartindo cartel con The Zombies). Na Semana Santa de 2006 actuaron no festival Le Beat Bespoké de Londres, xunto con The Horrors, The Remains e The Lyres, entre outros. Ó regresaren a España, e no apoxeo da súa carreira, materializouse a separación da banda orixinal. Ó ano seguinte produciuse a primeira das reunións do grupo, que dende entón con Ramón Saleta á batería, converte estas xuntanzas en eventos ocasionais. A banda, xa considerada de culto en certos círculos, publicou o seu primeiro LP en xaneiro de 2018.