FOLK DO MUNDO

Oîma pode ouvirse no solpor, cando chegamos á casa e precisamos un fío musical que nos acompañe mentres tiramos os zapatos e facemos parte da vida cotiá. Pode escoitarse, se cadra, antes de chegar á casa, sentadas en calquera bar de ambiente acolledor, ou incluso nun espazo máis solemne que nos ofreza tranquilidade. Fóra ou dentro de toda casa, de todo bar, de todo espazo, Oîma pode ser o ritmo que pilota os nosos corpos ao bailar: bailar en círculo, en parellas, xuntas ou por separado; percorrendo ao compás o país galego e saltando alén del ao son da tradición.

Son Antía Ameixeiras (violino), Olalla Liñares (clarinete) e Martiño Senande (acordeón diatónico). Dentro do seu repertorio, tradicional e de composición propia, casan ritmos galegos cos doutras partes do mundo. Dende a súa constitución no ano 2015 tocan en diversos escenarios da Galiza e de Portugal, tanto en formato concerto como en formato balfolk. Gañaron o festival Folk de Artistas Emerxentes Val da Maía e o certame Xuventude Crea 2016. Tamén forman parte do proxecto A Verbena das Irmandiñas, que procura visualizar a presenza de mulleres músicas nos escenarios.

 

https://www.youtube.com/watch?v=vhWOtQvF4Ts

https://www.youtube.com/watch?v=aLPjZLTcVgA

https://www.youtube.com/watch?v=qqOelzlvG0E