Pilo Sierra directo

Pilo Sierra

ROCK DE AUTOR

Vocalista, músico e compositor, canta e toca a guitarra e piano en proxectos no ámbito do rock e as músicas de autor. Destaca a súa voz de gran emotividade mais tamén ten feito traballos instrumentais, principalmente para o mundo audiovisual.
Compuxo as bandas sonoras dos documentais As silenciadas, Torreiros e O eslabón perdido, dirixidos por Pablo Ces; Profesión actor de Marcos Estebo e Causa 1021, de Xosé Lois Santiago, e a curtametraxe Nidos de luz, de Darío Autrán. Tamén unha música de corte rock industrial, Ungod, para o lanzamento da casa de deseño Paripepop.
Ten explorado formatos expresivos diversos en proxectos como o concerto documental O Regueiro xunto ao multipercusionista L.A.R. Legido, ou na dirección musical da posta en escena do poemario Adeus Gaiás, para acompañar a viaxe poética de Pablo Cobos polas arqueoloxías futuras de Compostela.
Tamén traballa co cuarteto de cordas Suelen Estar en dous proxectos: o repertorio orixinal en lingua galega de Satélite Salitre e as adaptacións de música popular de Suelen Estar & the Soul Machín, que fai un sorprendente percorrido dende o soul ao bolero.
Co seu cuarteto de rock The Last Dance presentou en 2018 o ep No way back. Tempo antes gravara o ep The future en colaboración con distintos músicos.
Colaborou nos discos de hiphop Circuitos y tierra de Elhombreviento e Microphone doctrina de Seissenseis.
Da súa participación en concertos e festivais destaca o evento Desligados do Miúdo, no Auditorio de Galicia, no que cantou unha das súas pezas xunto a máis de vinte músicos.