Xan Campos Trío

JAZZ

Xan Campos Trío presentan Realismo, o seu novo disco, unha caixa de sorpresas cunha alta dose de risco. Nesta ocasión, Campos acompañouse do produtor e rapeiro Hevi (Malandrómeda) para moldear este traballo cun resultado sonoro impecable e unha proposta musical que vai do jazz a todos os extremos e que promete non deixar indiferente a ninguén.

O disco segue a liña dos traballos anteriores do grupo, adentrándose agora por completo na exploración sonora, nun xogo de aparencias entre o que escoitamos e a realidade. A pesar de ser gravado unicamente con instrumentos acústicos (piano, contrabaixo e batería) a experimentación con micrófonos, pedais e efectos, todo un traballo de artesanía, lévanos a novos universos sonoros e incluso por momentos crea a ilusión de baterías electrónicas ou sintetizadores que non están realmente aí.

No estudio-laboratorio coidouse cada son, cada detalle, para pulilo como no obradoiro dun luthier, sacándolle o máximo partido a cada instrumento. Houbo un inmenso traballo de preprodución pouco habitual en discos de jazz, onde o Hevi pasou a ser o cuarto integrante do trío. A súa pegada está presente en cada tema. Precisamente, un dos elementos máis interesantes de Realismo é o encontro de dúas visións tan diferentes da produción musical, dous mundos que non se adoitan cruzar e que aquí se fusionan cun resultado extraordinario.

O álbum componse de oito temas nos que podemos atopar todo tipo de influencias sen perder a esencia do jazz en ningún momento. É un disco para todos os públicos, interesante para quen ama o jazz máis tradicional pero igualmente atractivo para oíntes doutros xéneros máis urbanos ou comerciais.

Xan Campos Trío son:

Xan Campos · PIANO
Horacio García · CONTRABAIXO
Iago Fernández · BATERÍA

MÉRCORES, 18 de agosto. SAN PAIO DE ANTEALTARES, 20h.
Entradas á venda desde o domingo 15 de agosto na Borriquita de Belém.