Artistas

Biribirlocke

Rock'n'roll

Biribirlocke é a proposta musical de Hector –batería–, Raul –guitarra–, Carlos –baixo–, Andrea –saxo– e Benja –voz–, unha banda cun directo “caralludo” que disfruta e o dá todo no escenario. A enerxía que os define xunto co tipo de música que fan, non deixa indiferente a ninguén. O deles e elas é facer festa, combinando cordas e ventos. Ao longo da súa traxectoria levaron a súa música por diferentes salas e formamos parte de grandes festivais coma o Castelo Rock (Muros), Festival Folk-Rock as Portelas (Lubián), Festigal (Santiago), Rockin’ Vila (Vilanova de Arousa), Festival da Chaira (Lugo), Festa Vikinga (Catoira), Novo Cruceiro Rock (Pontevedra) e Ponte Louco (Castro Caldelas), entre outros. En todos eles, demostraron o seu bo facer enriba do escenario, triunfando en todos cantos palcos pisaron durante este tempo.

No 2014 publicaron o seu primeiro traballo, “Corzos”, composto de 7 temas gravado nos estudos Pousada Son (Ames), baixo a  produción de Iago Pico. Neste traballo destaca a marca persoal do grupo, unha sección de vento composta por dous saxos, trompeta e trombón. A proposta deste disco foi un rock duro, festeiro, na que os ventos traen recordos de tradicións propias da cultura galega, combinándose todo coas tendencias do panorama do rock internacional.

“Tentando a Sorte” é o nome do segundo disco que sacaron en abril de 2017. Está composto de doce temas bastante diferentes en sí, pero todos baixo ese son que caracteriza as cancións de Biribirlocke. Reflexa unha evolución cara o rock, cun son máis contundente, pero sen esquecer a enerxía e alegría do grupo, así como da súa característica mestura entre guitarras e ventos.

Despois dun standby para coller folgos, no 2020 gravaron catro novos temas, publicando naquel momento só un: os outros tres viron a luz neste 2024. Seguen apostando con este novo traballo por unha sección potente de ventos, desta volta xogando con rimos e riffs novos para a agrupación. Con este cóctel rockeiro presentan a súa posta en escena no FEM 2024.