Candorka Band constitúe un proxecto que toma como eixo definitorio as músicas de raíz coa vontade de expresalas dende a experimentación. Unha proposta contemporánea que abrangue dende o son máis enérxico até o máis intimista e que aposta pola modernidade sen renunciar a melodías que ainda conservan a capacidade para definirnos nun mundo cada vez máis global.
Despois do éxito acadado co seu primeiro traballo como trío, Candorka preséntase como banda. Trátase de “Muiños”, unha cantiga de amor e desamor que fai dialogar a tradición galega coa bielorrusa. Toman como punto de partida eses muiños que andan e desandan para conxugar, nese bilingüismo, cantos de mulleres que amaron e desamaron.
