Comeza o festival Feito a Man 2021 na zona vella compostelá
- Martín Caruso Trío, Barbitúricos, Trilitrate, 3mulleres teatro, Loiros e KUM0 animarán esta primeira semana de festival.
- A praza de San Martiño Pinario, a dos Gatos, a rúa Xelmírez, Quintana de Vivos e a praza Feixóo serán os escenarios das actuacións.
- As entradas de cada concerto estarán á venda no establecemento correspondente desde catro días antes da súa celebración.

Compostela, 10 de agosto de 2021. Principia un ano máis, e xa van 18, a clásica cita estival coa música ao vivo en Compostela, o festival Feito a Man, organizado pola AC Cidade Vella en colaboración co Concello de Santiago.
Desta volta, e tralo traslado puntual a Bonaval a edición pasada, o festival volve á súa ubicación natural, as prazas e terrazas da zona vella de Compostela, para encher de arte emprazamentos históricos da cidade.
Maurício Caruso Trío serán os encargados de inaugurar o festival este mércores, a partir das 21.30h en San Martiño Pinario. O guitarrista e compositor presentará Atravessia, o seu último traballo, gravado en directo en formato trío, e con composicións que forman parte da súa historia (Gilberto Gil, João Bosco, Tom Jobim…). Maurício Caruso estará acompañado por Roi Adrio á batería e percusión e Rafa Morales ao baixo.

O pospunk acústico de Barbitúricos e o neofolk de Trilitrate chegarán o xoves, 12, á praza dos Gatos (20h) e á rúa Xelmírez (22h), respectivamente.
Formada en Vigo en 2012, Trilitrate crea sons descoñecidos que desafían calquera categoría e abren novas sendas. Desdebuxando as liñas existentes entre a composición e a improvisación, revelan influencias de estilos tan afastados entre si como poden ser a música clásica, a improvisación libre, o hardcore, o posrock ou o noise. Tamén interpretan música étnica orixinal, dentro dun universo propio. Trilitrate son Elena Vázquez ao violín, Marcos Padrón ao acordeón e Rubén Abad na guitarra.
Pola súa banda, Barbitúricos, os “punkis de postal que viran ao veganismo e se enganchan ás novelas de Isabel Allende”, como se describen, estarán o xoves 12 recordando coa súa música aqueles garitos de “Unha noite” e outros temas apegados ao corazón dos Composteláns, retratos doutra época prepandémica. Estarán Vituco Neira á guitarra, Xurxo Pinheiro ao Baixo, José Manuel Piedra á bateria e Fidel Vázquez á guitarra. Ah, e cantan todos.

A continuación, será a quenda das dúas performances que desenvolverán 3mulleres teatro antes dos concertos do venres 13 e o sábado 14. Paula Ballesteros, Victoria Paz Cuevas e Minke Lap chegan cunha proposta teatral de rúa, que busca incomodar, baixo a asistencia escénica de Nelson Quinteiro.
A súa primeira cita será o venres, na Quintana de Vivos a partir das 21h e compartirana con Loiros, unha banda viguesa que tende pontes entre a psicodelia e o rock alternativo dos 90 e que convida a internarse nunha paisaxe sonora única. O seu disco, gravado e mesturado en 2019 no Laboratorio Soyuz por Hevi, sorprende polo seu son cru en contraste cos elaborados arranxos, a fina execución e delicadeza no tratamento das melodías vocais, cuxas harmonías fan de fío condutor ao longo de todo o álbum.
O sábado, 3mulleres teatro actuarán na praza Feixóo a partir das 21h, antes do proxecto de indie-trap fundado en Santiago de Compostela, KUM0. Formado por músicos galegos novos, pero activos e con traxectoria en locais e festivais da escena local, o seu repertorio de composicións propias combina letras en castelán e inglés cunha proposta instrumental que mestura influencias de blue wave, alt pop, lo-fi e jazz. Nos seus directos apostan por unha estética marcada e unha coidada posta en escena, en consonancia cun material sonoro que implementa harmonías modernas, improvisación, electrónica e efectos que entroncan coas tendencias experimentais máis actuais do panorama mundial. A actuación no Feito a Man 21 incluirá unha sesión de música electrónica que contará coa intervención dun convidado especial, e varias versións de temas actuais do seu twist persoal.
ENTRADAS
As localidades para poder gozar das actuacións estarán á venda no local correspondente a cada concerto (Camalea, Modus Vivendi, Atlántico, Chocolate, Casa das Crechas, Café Literarios, A Gramola, Borriquita de Belém, A Xuntanza, A Reixa Bar Musical, Bar Embora e Pub Momo A Rúa). Todas terán un prezo de 3€ e darán acceso a unha mesa en terraza cun máximo de 6 persoas, tendo en conta as restriccións vixentes contra a Covid-19 neste momento.
As entradas permitirán reservar unha mesa para dúas ou catro persoas. Unha vez iniciada a actuación, as cadeiras libres pasarán a estar a disposición do público interesado en asistir. En caso de retraso, débese informar á organización para non perder o asento.
Toda a información relacionada coas distintas actuacións, espazos, horarios, entradas ou modificacións que puideran producirse estará dispoñible na web festivalfeitoaman.gal e redes sociais do Feito a Man.
