Presentamos a XIII edición do Feito a Man

Na mañá do mércores 27 de xullo de 2016 presentouse no Pub Momo de Santiago de Compostela a XIII edición do Feito a Man, festival de rúa organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella, coa presenza de Manu Rodriguez, Sandra Varela e Anxeles Porto da organización; e coa Concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela, Branca Novoneyra.

O Feito a Man 2016 desenvolverase do 2 ao 27 de agosto nas rúas e prazas da cidade vella compostelana. Por el pasarán sesenta propostas artísticas diferentes de diversos estilos musicais: pop, rock, blues, jazz, hip hop, música tradicional galega…

Como vén sendo habitual, o groso do festival recae nos concertos de pequeno formato realizados nas terrazas dos establecementos organizadores, mais tamén haberá lugar para noites con artistas de maior formato, así, á parte de rúas como a Vía Sacra, a rúa da Orfas, a Praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio ou rúa Xelmírez; tamén haberá actuacións nas Prazas de Mazarelos, San Martiño Pinario, Cervantes ou Quintana. Esta última acollerá o “día grande” do festival que será o domingo 21 cunha Gran Foliada Balgalaika na que actuarán Radio Cos e Fanfare Çiocarlia.

Vinte e seis días de programación continuada, con dous ou tres concertos diarios en diferentes puntos da cidade. Unha programación para todos os gustos, de calidade e cunha grande presenza de formacións locais.