Feito a Man

FaM

O festival

Feito a Man é un festival de rúa que nace no ano 2003 e que está organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella nos espazos singulares da cidade de Santiago de Compostela.

Durante o mes de agosto, Feito a Man deseña e pon en escena un ciclo continuado de actuacións no que caben actividades artísticas de diverso xénero: música, cabaret, instalacións, performance, teatro, dj’s… Un festival de diversidade. Un fenómeno espacial onde interactúan os suxeitos dunha colectividade a través da creación.

Un dos obxectivos fundamentais do festival Feito A Man é dar a coñecer e difundir a capacidade creativa da cidade e o potencial da cidade vella como entorno excepcional para o seu posicionamento e visibilización. Así mesmo, tamén se busca a implicación activa na dinamización cultural de Compostela e o compromiso coas manifestacións artísticas máis diversas, servindo como plataforma e vínculo entre os universos creativos e as xentes que habitan as rúas da cidade.

Os escenarios de Feito a Man son as rúas e prazas da cidade histórica de Compostela que se converten nun marco singular para deixar o protagonismo ao artista, o espectador, o espazo e as sinerxías que entre eles se producen.